Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO ENTREGA OS PREMIOS DO SEU CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL

Sofía Campos Freiría do CEIP de Petelos en Mos, Uxía Lorenzo Alonso do CPR Hermanos Quiroga no Porriño, Arantxa Díaz Lazo do CEP Altamira en Salceda de Caselas e Eduardo Ríos González do Colegio Maristas Santa María en Tui, foron os catro gañadores do concurso de debuxo infantil convocado polo Consorcio de Augas do Louro. Todos eles, escolares de 3º e 4º de Educación Primaria, recibiron como premio unha tablet, que lles foi entregada polo presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira; o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro e o tenente de alcalde de Mos, Camilo Grandal nun acto celebrado onte á tarde nas instalacións da EDAR de Guillarei, no cal agradeceron á cativada a súa participación neste concurso e o seu compromiso coa auga, o medio ambiente e o coidado do planeta.


Son amigos, aman a natureza e teñen unha misión: protexer a auga e mellorar o mundo. Eles son os integrantes da Cuadrilla Sostible, os personaxes da historia na que se sustenta este certame baixo o título “AQUAL e ODS6, Aquaventura coa cuadrilla sostible”. Ademais dun gañador por cada municipio, establecéronse dous finalistas, cuxo premio consistiu nun reloxo dixital. Os agraciados foron: Ana Méndez Saá do CEIP Atín Cela e Hugo Rodríguez González do CEIP Mestre Martínez Alonso en Mos, Uxía Romo Otero e Carolina Estévez Rodríguez do CPR Hermanos Quiroga no Porriño, Carla Vaqueiro Pérez e Noa López Martínez do CEP Altamira en Salceda de Caselas e Cristina Jorge Tyurikova do Colegio Maristas Santa María e Izan Díaz Vila do CEIP Plurilingüe Guillarei en Tui.


Nesta sexta edición recibíronse un total de 274 debuxos, procedentes de 16 colexios dos catro concellos que integran o Consorcio, no que debía quedar reflexado o coidado da auga e do medio para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.


“Trátase dun xeito lúdico de concienciar á cativada no uso responsable da auga, dándolle a coñecer a importancia que este recurso ten nas nosas vidas e as claves e protexer a biodiversidade”, explica o presidente do Consorcio. Así, ao longo desta aventura danse exemplos de reciclar, de non malgastar a auga, de usar menos plásticos, non estragar a comida, de que cousas non se deben tirar no inodoro.... todo dun xeito didáctico e divertido da man dun personaxes animados que, ao final da historia, invitan a poñer en práctica todos os bos consellos aprendidos.

Os debuxos gañadores e finalistas, os cales están colgados e se poden ver na páxina web do Consorcio (consorciodolouro.es), protagonizarán o calendario que a entidade edite para o 2024, ilustrando cada un deles cada un dos meses do ano.

Galería: