Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO ADXUDICA SETE OBRAS DE SANEAMENTO POR UN MILLÓN DE EUROS

Trátase de seis actuacións no Porriño e unha en Salceda de Caselas que darán servizo a preto dun cento de vivendas, beneficiándose máis de 300 veciños

O Consorcio de Augas do Louro, integrado polos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, vén de adxudicar sete proxectos de saneamento por importe total de 955.910,71 euros. Traballos que previsiblemente estarán rematados nun prazo máximo de medio ano, dando servizo a preto dun cento de vivendas e beneficiando así a máis de 300 veciños da comarca da Louriña. E é que xustamente as obras a acometer concéntranse nas localidades do Porriño e Salceda.

No Concello do Porriño executaranse un total de seis obras que darán servizo a máis de 80 vivendas de distintas parroquias. Así, no barrio de Rebouza, en Atios, levarase a cabo a instalación de 700 metros de tubaxe que conectarán á rede de saneamento a unha ducia de casas, beneficiando a máis de 40 veciños. O proxecto foi adxudicado por 134.068 euros.

Por outra banda, acometeranse catro actuacións, dúas en Atios (Portela de Souto e A Rocha-Covelo), unha en Pontellas (Igrexa-Centeáns Arrotea) e outra en Torneiros (San Roque-A Areeira), nas cales a inversión chega aos 302.235,74 euros, que suporán a posta en funcionamento de máis dun quilómetro de canalización, dando servizo a 19 casas e preto de 70 usuarios.

E a de maior magnitude, en canto a inversión e beneficiarios, será a que se realice na estrada de Mosende a Tui, en Madorras, onde se proxectan seis colectores cunha lonxitude de 1.100 metros e unha estación de bombeo. Ademais esta actuación permitirá anular un canon de vertido non autorizado da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e poñer en servizo outros 1.200 metros lineais de canalizacións existentes posibilitando así a conexión á rede de medio cento de vivendas (preto de 200 habitantes), entre as que se atopa tamén a Escola de Mosende. A inversión neste caso é de 414.828,76 euros.

No Concello de Salceda de Caselas, en Santa María de Picoña, localízase a outra actuación. Dará servizo a unha quincena de vivendas dos barrios de Arrotea-Ataúde. Consiste na instalación e posta en funcionamento de 491 metros de tubaxe, que beneficiará a uns 40 veciños e cuxo importe de adxudicación foi de 104.778,21 euros.

“Trátase de darlle á veciñanza un servizo básico que lle corresponde, que neste caso levamos a cabo con fondos propios do Consorcio, que non debemos esquecer que dependen dos recursos que aporta cada municipio, co pago dos impostos dos seus cidadáns, pero que dende todos os concellos debemos impulsar e dar prioridade a actuacións como estas, con axuda tamén doutras entidades supramunicipais, para dar resposta a todas as demandas”, explica o presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo, á vez que lembra que “as inversións continuaranse nos vindeiros meses: máis proxectos, licitacións e recepcións de obras que irán completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios para dar servizo á totalidade da veciñanza”.

Dalgunhas desta actuacións xa comezaron os traballos e doutras farano nos vindeiros días, cun prazo de execución que oscila entre as oito semanas e os seis meses.