Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

Saneamento

O saneamento é a parte do ciclo urbano da auga que contempla a recollida tanto das augas pluviais como das residuais, de orixe urbano e industrial, mediante un conxunto de redes de sumidoiros que teñen por obxectivo evacuar dito caudal cara a cada instalación de depuración (E.D.A.R. ou estación depuradora de augas residuais).

O saneamento inclúe, polo tanto, as fases de:

  • Recollida das augas residuais urbanas e industriais mediante as redes de sumidoiro secundarias, isto é, as que se distribúen polas distintas parroquias e núcleos urbanos dos concellos integrantes do Consorcio de Augas do Louro. Estas redes son, na súa maioría, de tipo unitaria, isto é, recollen tanto augas pluviais como augas residuais a través das mesmas conducións.
  • Interceptación e transporte: as redes de sumidoiro secundarias son interceptadas por medio de colectores xerais e colectores interceptores, que continúan o transporte das augas residuais novamente ata as estacións de depuración.

Esta parte da rede de sumidoiro non admite, como norma xeral, conexións para vertidos individuais e ten instalacións auxiliares para a regulación do caudal, o que supón o control dos volumes de auga circulantes e as altas cargas contaminantes presentes durante os primeiros momentos de cada episodio de fortes precipitacións (trebóns, tormentas, etc.), a consecuencia do lavado dos colectores.

No ámbito do Consorcio, a regulación do caudal realízase a través dos 17 vertedoiros e 2 fusibles existentes no Sistema de Saneamento do Louro, que dispón de cámaras de almacenamento e regulación para laminar caudais e de válvulas vórtex para dosificar a reincorporación gradual do caudal ao colector.

O transporte de auga residual efectúase nesta fase fundamentalmente por gravidade, isto é, polo seu propio peso, a excepción daqueles puntos cuxa orografía determina a necesidade de instalar unha E.B.A.R. (estación de bombeo de auga residual). No caso do Sistema de Saneamento do Louro, existen dúas E.B.A.R. principais, a de Secadoura (que recolle a auga residual da cunca do Río Caselas) e a de Seixal (que recolle o núcleo de Tui).

  • Depuración nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (E.D.A.R.) e a través de diversas operacións unitarias e procesos en serie retíranse as substancias contaminantes presentes na auga residual recollida e transportada. No caso do Consorcio de Augas do Louro, a principal depuradora é a E.D.A.R. de Guillarei, deseñada para un caudal de 3,7 m3/seg e 180.000 h.e.

Existen outras pequenas instalacións depuradoras en núcleos de poboación máis afastados do sistema de saneamento xeral: a E.D.A.R. de Herville en Mos (que utiliza un reactor anaerobio de leito fluidizado), a E.D.A.R. de Petelos en Mos (que utiliza un reactor aerobio con desinfección da auga tratada mediante ozono) e a E.D.A.R. de As Ínsuas en O Porriño (trátase dunha depuradora compacta e enterrada).

  • Restitución: finalmente, a auga depurada é devolta ao medio natural.
Galería de imaxes: